DOUS nace alá polo ano 2001 cando Fernando Abreu e Pablo Carrera se coñecen durante a gravación do primeiro disco de Mercedes Peón. A partires daquel encontro realizan sesións de improvisación que deixan gravadas e que servirán tempo despois como base das composicións recollidas no seu primeiro traballo “sÓ sOn sOns” (Falcatruada, 2008). No ano 2012 publican “Dous” (Nakra), un conxunto de pezas onde a melodía e as músicas populares do mundo sitúanse na base da sua creación.
En 2017 DOUS presenta “A viaxe de Yoyo”, o seu terceiro traballo discográfico editado baixo o selo galego Nakra e no que continúan na liña marcada nos seus traballos anteriores, mesturando influenzas de músicas do mundo e improvisación para crear un repertorio de composicións propias que profundizan na procura da emoción por riba do virtuosismo técnico convidando ao ouvinte a unha viaxe a través dos sentidos.
Ao longo da súa traxectoria tamén teñen traballado na creación dos espazos sonoros dos espectáculos “A Paz do Crepúsculo” e “García” dirixidos por Cándido Pazó, música para varias curtas e colaboracións en obradoiros de arteterapia por toda a península formando parte do equipo VoArte xunto a Víctor Orive onde teñen profundizado na capacidade terapéutica da música.
DOUS ten sido finalista dos Premios Martín Códax da Música Galega en tres edicións dentro da categoría de Músicas do Mundo.
DOUS conta a miúdo coa profesionalidade e a inspiración de:
Cris Grande · Fotografías de estudio
Olalla Lojo · Fotografías de directo